Tal dia coma hoje, no ano 1922, o Comité Revolucionário Arredista Galego da Habana fazia público o seu manifesto fundacional “Independenza ou Morte” que reproduzimos a continuaçom polo seu valor histórico.

INDEPENDENZA OU MORTE

O primeiro Comité R. Arredista Galego aos galegos de tud´o mundo

Nas grandes circunstanzas, a prudenza é unha debilidá. (Isnard)

Antr´o Goberno que fai o mal i-o povo qu´o consinte, hai certa soidaridá vergoñosa.

As revoluciós deben sempre marchar de presa, porqu´o porgueso non ten tempo que perder.

Nada sen-a liberdade; a servidume é a i-alma cega (Victor Hugo)

IRMAOS GALEGOS:

Erguendo ao ceo lamentos esesperados, Galizia pide ousileo os seus fillos que parmañecen xordos as suas súpricas. Desexá liberdade que ll´arrebataron, i-unha fouciña que´apresure ô fin a hora da vinganza.

Galiza ten fe na sua santa Causa. Galizia agarda qu´os seus fillos corran-a tomal-as armas axiña, pra botar fora do seu territorio âs hordas estranxeiras: o domeño despóteco i-opresore dos eunucos do Poder centralista. Galizia quer ter na sua bandeira, como heroica lexendaria, as verbas de Patria e Liberdade, pra qu´os seus fillos morran se arrastrar cadeas. Non somos hespañoes, nen temos por que amare a Hespaña; nantes pol-o contrareo: temos, iso si, porque odial-a: na Hespaña é onde s´emprentan livros difamadores de Galizia: Hespaña é a que s´opon o engrandecimento do país galego: Hespaña é a usurpadora dos intréses galegos; ela é a eterna amparadora de canto vaia contr´o prestixio e benestare da Galizia. Hespañoes foron-os qu´afusilaron vilmente aos mártires de Carral; aos do Castelo da Frouseira, i-a tantos outros galegos nobres. Hespañoes son-os que fixeron qu´a verba galega sirva d´alcume, i-os que decote insultan gratuitamente aos galegos nas ruas das cibdades.

¿Quen é S. M. Alfonso XIII?. O Xefe dos verdugos da nosa Galizia.

¿Qué siñifica o Congreso menisterial no Madrí podre? Xunta dos “vampiros”, pra estudialo xeito d´acoitelar aos hespañoes inteleutuáes dinos, e protexer aos malvados; de que non falte nunca un matadeiro a onde ter en constante desangue a xuventude da Iberia; de seguir “civilizando” a países eistranxeiros, deixando qu´a Nazón Hespañola permañeza no meirande estado d´abandono i-atraso, i-o seu Povo incivilizado. Isto é o que siñifica o Congreso na Vila Podre.

OS MESTRES MANDAN

I-así son sempre pra Hespaña
os patrucios d´esta Terra
esquencida, qu´hespañola
nunca chamarse debera.
M. Leiras Pulpeiro

¡Ergue, labrego! ¡Erguete e anda!
¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda!
¡Erguete axiña!
¿N´oyes as queixas que dá a terriña?
¡Ela é a que manda!
¡Pobre naiciña!
¡Erguete e anda!
¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda!
Alfredo Brañas

Segade a vosa herdade,
¡Ay d´aquel que non sexa valente!
segade, galegos, con forza, segade.
Eduardo Pondal

Pobre Galizia, non debes
Chamarte nunca hespañola
Qu´Hespaña de ti s´olvida
Rosalía de Castro de Murguía

A sangue do infelíz Pardo de Cela
crama venganza a Dios pol-a inxusticia:
aquel que derramou tén que bebela
anque a cova escarnezan, a xusticia
a de facer que resuciten d´éla
a Independenza e Groria de Galicia.
V. Lamas Carvajal

Antes que ser escravos,
irmáns, irmáns gallegos
que corra o sangue a regos
dend´a montana o val.
Ramón Cabanillas

O galego qu´ainda sigue sentindo-se hespañolista ou é un iñoran, un falto de miolo, ou é un cobarde que carez de tuda ideia nobre e tudo sentimento xeneroso. E nós decímoslle: ¡Eres un miserabre! ¡Pa tí non terán máis bicos as docelas galegas; non eres merescente de agarimos da tua nai; non eres dino de chamarte celta!

En canto aos “bos e xenerosos” que temos de vertelo noso sangue pol-a Patria o buscal-o seu esprendor, ¡ouh! poremos ir por tudal-as partes ca testa ergueita, co curazon latexante de ledicia i-a concenzia tranquila, dicindo moi outo: ¡ainda gardamos semellanza cos nosos pais celtas, ainda conservamol-as suas calidás d´homes cívicos e bélicos!

MISION DO COMITE

O Comité R. Arredista Galega, terá por mision-o seguinte:

(a) Traballar acotío por convertil-o Povo Galego en rebelde, reavival-o na fe e nas práitecas nazonalistas.

(b) Considerando que tuda nazonalidade -por pequena ou grande que sexa- ten dreito a ser ceibe, e con máis razón Galizia, porque foi Reino Soberan e Independente, liberdades que lle foron usurpadas, o Comité contribuirá por tudol-os medios faitibres o espallamento das ideias revoluzonareas i-ampriamente arredistas; até conqueril-a ausoluta Independenza de Nazon de Breogán.

(c) Estudiará e traballará pol-a soluzón d´aqués porbremas que poidan contribuir o porgueso e benestar da futura República Galega.

(d) Contribuirá a creazón d´un Goberno Provisionae de Galizia pol-o que terán de rexirse tudol-os comités arredistas galegos constituidos no mundo enteiro.

(e) Terá de poñer en práitica canto sexa perciso pra impôr o Respeto, os Dreitos i-os Vaores de Galizia.

(f) En tudol-os traballos e manifestaciós do Comité será imprescindivel o uso do idioma galego.

(g) Tudal-as Asambreias que leve a efeito iste Comité serán de caraute abertamente arredista, âs que porán asistire con vos e voto todol-os que sempaticen co noso Credo, podendo falar en calquer idioma agás no castelán. Nas ditas Asambreias será idioma internazonal o portugués.

PRA INGRESAR NO COMITE

As calidás que terá de reunil-o individuo que queira ingresar no Comité R. Arredista Galego, seran-as seguintes:

1º- Non ter nada no seu pasado que desdiza de boa fe e do seu desinteresado amore a Causa da Galizia.

2º- Non ser menor de vint´anos.

3º- Ser arredista por convinzión; ser muito reservado, decidido, formal e ficar disposto a sacrifical-a sua vida e benestar, s´é perciso, pa outel-o respeto da Raza i-a Independenza da Patria Galega.

4º-  Ter unha vountade suprema pra levar a cabo cantas obreigas ll´impoña o Comité R. Arredista Galego.

Tamén será requisito indispensabre o prestar xuramento, ô ingreso no referido Comité; o xuramento terá de prestal-o n-iste tono:

Eu… xuro solenemente fideidade verdadeira e leialtade a Causa Revoluzonarea Arredista Galega, e comprométome a praitical-os seguintes MANDAMENTOS:

1º- Recoñezo qu´a Bandeira Galega é a úneca a que fico abrigado i-estarei disposto a defender até a cova.

2º- Considero que Galizia ten sagro dreito a sua Independenza ausoluta, por tanto, teño de poñel-a miña vida o servizo do Ideial.

3º- Non negarei xamais a miña condizion de galego arredista, e sí farei porpaganda arredista galega sempre que teña ocasion, sen darme nunca a coñecer com-asoziado do Comité R. Arredista Galego.

4º- Porcurarei adequirir conoscimentos sociaes, estadístecos, d´economia e de canto sexa d´utilidade pra ralizazón d´aquelas obras que poidan conducir a felicidá eterna â futura República Galega.

5º- Espallarei que Galizia ten persoalidade propia: qu´os produtos qu´ela produce son dos millores; que reune calidás muito boas pra industrias importantísemas.

6º- Preferirei sempre as cousas que procedan da Galizia as de ningún outro país.

7º- Dedicarei tud´a miña intelixencia i-enerxías ao porgueso e benestar da Nazón Galega.

8º- Cooperarei a tuda aución que dimane do Comité R. Arredista Galego, o que perteñezo.

9º- Non divulgarei endexamais a organizazón interiore do Comité, nen-o nome de nengún asoziado do mesmo; nen farei nengunha manifestazion que poida interrumpil-a boa marcha do devandito Comité, ou prexudicar a algún asoziado d´iste.

10º- Tanto na axuda coma no trato sociae, comerciae, coma en tudo, darei preferenza sempre aos irmáns asociados do Comité R. Arredista Galego.

¡Irmáns galegos, a Patria chámanos ao combate: xuremos por ela vencer ou morrer!
En pé, ledos e valentes, cantemol-o hino ao combate, i-acudamos ufáns, cal un soyo home, a despregar soberbamente a nosa bandeira nas costas de Galizia, i-a facer fuxir d´istas âs hordas eistranxeiras: aos tiránicos do Poder de Castela.

Os galegos en Cuba, levemos sempre nos nosos beizos os berros barils de:

¡Viva Galizia Independente!
¡Viv´a Repúbrica Cubana!
¡¡Abaix´o Centralismo Hespañol!!

O Comité Revoluzonareo Arredista Galego d´Habana (25 de Julho de 1922)